viernes, 4 de enero de 2019

FESTIVAL DE NADAL

O 20 de decembro celebramos na Adega Martín Códax o festival de Nadal. 
Nós actuamos coas nenas e nenos da profe Charo. Cantamos dúas cancións: "Sachar, sachar" e "Volver á casa polo Nadal". Fixémolo de marabilla!!







CARTEIRA DO CARTEIRO

Ese mesmo día 18 aproveitamos para levar as nosas cartas para os Reis, porque o carteiro Andrés ía ir buscalas e levalas na súa carteira á Oficina de Correos. Que nervios!!!





Aos poucos días veu o carteiro Andrés, que ten aos netos no colexio de Vilariño e a súa filla é a profe Charo para recoller as nosas cartas.


A profe Chuli contounos a historia do carteiro Andrés, que é fillo doutro carteiro que se chamaba Andrés tamén, e que di así:

A CARTEIRA DO CARTEIRO

Hai moitos, moitos anos non había ordenadores, nin teléfonos móbiles e a xente para saber uns dos outros tiñan que escribirse cartas.

As cartas tardaban días en chegar e eran moi importantes para saber noticias dos amigos, das familias, dos que estaban lonxe.

As cartas levábaas o carteiro na súa bolsa de coiro, de casa en casa, e a xente poñíase moi contenta cando chegaba, porque significaba que ían recibir noticias dos seres queridos.

En Vilariño había un carteiro que se chamaba Andrés. Tiña unha gran carteira de coiro marrón que sempre pesaba moito porque sempre ía chea de cartas que Andrés levaba e traía. Andrés tiña un fillo, que tamén se chamaba Andrés, ao que lle encantaba aquela carteira co seu cheiro a coiro e con aquelas cartas que traerían bicos con sabor a mar e abrazos de algodón e la.

Andrés ía e viña coa súa carteira colgada ao ombro tódolos días levando e traendo as cartas de toda a parroquia, saudando aos veciños e levándolles novas, pero o que máis lle gustaba era cando no Nadal recollía as cartas que os nenos escribían para os Reis Magos. Tiña sempre moito coidado con elas: recollíaas de unha en unha e logo levábaas persoalmente á Oficina de Correos para asegurarse de que saíran directamente para Oriente. Tódolos anos, no mes de Nadal, Andrés andaba moi ocupado coas cartas dos nenos e das nenas pendente de que non se perdera ningunha.

Houbo un ano no que construíron un colexio moi preto da casa de Andrés. E o carteiro Andrés púxose moi contento porque sería el o que levara as cartas que chegaran alí. Pero os que construíron o colexio deberon mirar os planos ao revés porque fixeron o colexio sen auga. Así, cando os nenos e nenas ían facer pis non podían tirar da cisterna, porque non había auga, nin podían lavar as mans antes de comer porque non había auga, nin podían beber porque non había auga. Pero o carteiro Andrés dixo: quietos parados! E foi á súa casa, colleu unha mangueira moi longa, moi longa, moi longa e puxo auga do seu pozo no colexio.

Andrés ía cada día ao cole a levar e traer cartas e no Nadal sempre estaba pendente de que tódolos nenos e nenas lle entregaran as súas cartas para que ningunha se perdera.

E pasou o tempo, e o carteiro Andrés fíxose velliño e tivo que deixar de traballar. Estaba moi preocupado poque quen ía levar agora as cartas para os Reis Magos?. Pero o seu fillo Andrés, ao que lle encantaba aquela carteira do seu pai co seu cheiro a coiro e o seu recordo de bicos con sabor a mar e abrazos de algodón e la, díxolle: non te preocupes, papá! Eu seguirei co teu traballo!

E así foi. Nos primeiros anos o carteiro Andrés ía andando coa súa carteira marrón por toda a parroquia de Vilariño deixando as cartas de casa en casa e no cole. Despois empezou a ir nunha bici, chovera ou ventara, cargando coa súa gran carteira marrón. Máis tarde ía en moto, ata nos días máis fríos, levando aquela fermosa carteira marrón, co seu cheiro a coiro. Finalmente ía en coche, xa nos últimos tempos cando xa todo o mundo tiña ordenador e móbil, pero a Andrés aínda lle gustaba levar as cartas de casa en casa e sobre todo achegarse ao cole.

E sempre, sempre, no mes de Nadal, preocupábase de recoller todas as cartas para os Reis Magos das nenas e nenos para que ningunha se perdese polo camiño.

Chegou un día no que o carteiro Andrés, fillo do carteiro Andrés, tamén se tivo que xubilar e deixar de traballar. Pero estaba moi preocupado polas cartas para os Reis. Quen as ía recoller agora? E se algunha se perdía? E se os nenos e as nenas as metían nas caixas de correos e algunha quedaba agochada nun recuncho?

O carteiro Andrés non podía durmir pensando nas cartas para os Reis. E logo de moitas noites dando voltas na cama, pensando como evitar que se perderan, o carteiro Andrés tivo unha idea marabillosa: ía levar a súa gran carteira marrón, con cheiro a coiro e recordos de bicos con sabor a mar e abrazos de algodón e la ao colexio de Vilariño. Así todos os nenos e neas poderían meter nelas as súas cartas para os Reis e logo el recollería a carteira para levala, como sempre, persoalmente á Oficina de Correos para asegurarse de que todas as cartas chegaran a Oriente.

Iso si: se os Reis non vos traen toooodos os xoguetes que pedides, ou poñedes na carta que vos portástedes moi ben todo o ano e os Reis vos traen carbóns... a culpa non é do carteiro Andrés!!!!


TALLER DE COCIÑA DE NADAL

O 18 de decembro fomos ao cole de Vilariño para facer un taller de cociña de Nadal. 
A cociñeira, que se chama Meri, ensinounos a facer trufas de chocolate. Que ricas!!!



Despois fixémonos unha foto todo o grupo coa cociñeira.

XOGOS NA AULA

Naturalmente seguimos xogando na aula. A profe trouxo uns xogos populares e pasámolo moi ben xogando con eles. E non son tan fáciles como parecen, eh?





NADAL

Durante o mes de decembro ambientamos a nosa aula para o Nadal. 
Pasámolo moi ben decorando a árbore e tamén fixemos adornos para as nosas casas.
Somos uns artistas!!




PAN DE MILLO

O 29 de novembro fomos á panadería de Pilar Roma, a avoa de Sabela, para que ela e máis Mónica, a tía, nos ensinaran a facer pan de millo. Aquí había que traballar máis que na de Martín, porque todo o había que facer á man. 
Pasámolo moi ben porque ademais de traballar e comer unha merenda moi rica que nos tiñan preparada deixáronnos xogar cos xoguetes de Sabela e coa súa cadeliña. Que mañá máis divertida!!

Tamén vimos o Nacemento, que a familia fai con tanto agarimo e coidado. Este ano estaba á nosa altura, así que o vimos todo moi ben. Encantounos!!!

Moitas gracias a Pilar, Pili, Mónica e Maribel Roma por coidarnos tan ben e facernos pasar unha mañá tan especial!








O MONSTRO DE CORES

O día 27 de novembro fomos coas amigas e amigos de Infantil do CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro, ao Auditorio de Vilagarcía a ver a obra de teatro "O monstro de cores". Fomos e volvemos no autobús e pasámolo moi ben, anque cando o monstro falou do medo a música asustounos un pouco.






PANADERÍA A MODIA

O 14 de novembro fomos á Panadería A Modia. 
Alí Martín ensinounos a facer pan, croisants, madalenas... Tamén comemos uns bocadillos moi ricos e xogamos cos xoguetes da nosa amiga Candela.
Pasámolo xenial!!!









SAMAÍN

O 31 de outubro celebramos o Samaín.
Decoramos a clase, disfrazámonos e comemos comidas divertidas. Ah, e trouxemos cabazas decoradas que daban moito medo!!!




VISITA A HORTASALNÉS

O día 26 de outubro visitamos Hortasalnés. 
Vimos plantacións de xudías, repolos, pementos... e ensináronnos como se embolsan os pementos. Foi moi divertido. Tamén plantamos uns pementos e nos regalaron unhas plantas de cenorias








A NOSA HORTA

O día 15 de outubro rematamos a nosa horta: fixemos parcelas, así cada quen ten a súa hortiña, plantamos ceboletas, leitugas, allos e brócolis. Ao final puxemos carteis, para que cada un saiba cal é a súa parcela e o que hai plantada nela.