domingo, 22 de octubre de 2017

XA TEMOS UN HORTO!

O NOSO PEQUENO HORTO:
Gracias a mamá Pili e avoa Pilar, na Modia xa temos un pequeno horto. Ámbalas dúas prepararon o terreno, levaron bloques e terra, así como un plástico para evitar que as herbas invadan as nosas plantiñas nada máis nacer.
 Traballaron moito (anque elas din que non lles levou nada), nun par de tardes chuviosas e o venres 20 tiñamos as nosas plantas (que tamén trouxo Pili), de remolacha, coliflor, lombarda e porro. Polo medio puxemos fresias, que adornan moito.
Agora temos que coidar o noso horto, arrincar as malas herbas e coidar que os caracois non coman as nosas verduras. Ai, que caldiños máis saborosos imos facer!

Consultando páxinas en internet sobre distintos temas, atopei unha italiana que se chama "Tutta un'altra scuola" (que sería algo así como unha escola diferente), na que un agrónomo, Emilio Bertoncini, organizaba un pequeno horto na escola infantil da súa filla dun xeito casi casual. Do porque daquel horto a mín gustoume moito as palabras que di nesta páxina e que creo que son un bo motivo para facer un horto cos nenos e nenas na escola e que, traducidas, din máis ou menos así:


“…para restituír un valor positivo ao emporcallar as mans. Mancharse é necesario para facer, para construír, para crecer, para chegar á concreción das cousas e para aprender. E pódese aprender a mancharse. Traballar na horta, cociñar, pintar… cantas son as actividades nas que é necesario mancharse?. Pero hai un mancharse necesario e un que é superfluo, que chega a ser unha mala educación, falta de respecto e ás veces, perigo. Pero manchar as mans para dar vida a seres viventes é aprender o sentido do coidado, é comprender o valor da comida e empezar a respectalo. É comprender os nosos alimentos e o traballo dos agricultores. É descubrir que o tempo que pasa é aquel necesario para chegar a un resultado e non sempre basta con facer “click”. É descubrir a incerteza e a satisfacción do resultado. Manchar as mans (non só unicamente) é o único modo para comprender a natureza, para vivila e comprendela, para facela parte da nosa vida. Manchar as mans coidando un horto ou un xardín da escola é o mellor modo para comprender que a natureza nos rodea…”

Creo que tod@s estaremos de acordo con el.